Cando Matthew Lipman e Ann Sharp chegaron á Illa de Arousa

Estas cousas probablemente só pasen en Galicia, pero…que lle imos facer. O feito é que un bo día, sen decatarse, Matthew Lipman e Ann Sharp arribaron ás delicadas praias da Illa de Arousa, si, ese anaco de terra con forma de sete que emerxe no medio da ría. Por eses días a illa xa tiña unha ponte que a unía ao continente, pero non había moitos anos que os moradores ían e viñan en barco desde e cara a Vilanova.
Pois ben, ao principio ninguén pareceu reparar na súa chegada, pero iso cambiou cando atoparon a escola, a única escola do lugar. Alí traballaba un grupo de xente entusiasta, divertida e traballadora, que o mesmo quedaba ata as tantas preparando unha obra de teatro que organizaba unha festa de San Xoan no patio.
Especialmente fixáronse neles unhas cantas mestras intrépidas e valerosas, que intuíron que esa parella de aspecto un chisquiño extravagante podería serlles de axuda na súa tarefa, E aos poucos comezaron a investigar nos seus escritos, a ler acerca do que dixeran, a organizar cursos, a tratar con xente que sabía máis do tema… e así, case sen darse conta quedaron atrapadas nun xeito de facer ao que xa non puideron renunciar. Ata fixeron cómplices a outras compañeiras que compartiran viaxes en barco e agora traballaban lonxe…
Pero, claro…Mr. Lipman e Mrs. Sharp tiñan máis cousas que facer e non ían pasar toda a vida lendo a Dewey baixo os piñeiros do parque Carreirón (onde, por certo, máis dunha vez sorprendéronos botando unha apracible sesta), así que fixeron o equipaxe e marcharon a descubrir novas paisaxes.
Ao principio isto causou certa sorpresa, mesturada cunha case imperceptible sensación de abandono. Era moi fácil preguntar aos sabios e pedirlles consello… pero chegara o momento de comezar a resolver os problemas por unha mesma. Ata xa había quen se sentía con forza como para levarlles a contraria… que non todo ía ser Lipman por aquí e Sharp por alá…que xa somos maiores como para pensar pola nosa conta.
E, nin curtas nin perezosas, decidiron que tiñan que facer as súas propias obras, porque na illa non hai “jerbos” nin se saúda á bandeira no medio da clase. Necesitaban historias que se entendesen aquí para seguir loitando polo que a parella americana lles ensinara: tratar de levar o pensamento á escola, pensamento que non só quere ser lóxico e razoable, senón tamén creativo, bondadoso e considerado.
Nas películas, cando o protagonista necesita imperiosamente algo, adoita acabar atopándoo ao virar a esquina. Aquí pasou algo parecido. Facían falta relatos…e descubriron que tiñan unha escritora un par de casas máis aló. Unha escritora que nunca amosara nada escrito, pero que estaba a piques de explotar se non daba renda solta á súa desmesura narrativa. E, como nas películas, descubriron enseguida que estaban predestinadas a entenderse.
Así naceu primeiro un libro de diálogos titulado Horacio. Despois coñeceron a unha muller con apelido de divindade lasciva, que axudou a enfocar as enerxías creativas. E xurdiron Antón, Óscar, María, Salvatore e Lara, que nos presentaban aos protagonistas dos diálogos E á súa sombra idearon actividades, propostas, iniciativas….que plasmaron nun Manual para profes.
Como a alegría é contaxiosa, non puideron evitar tratar de contarllo a quen lles quixese escoitar.
Benvidas e benvidos ao mundo Miroscopio.

Carmen Loureiro, Nita Rivas, Lidia Gómez, Lola Folgar, Gema Sampedro, Fina Lorenzo, Jesús Merino.


Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn

Contacta con nosotros

Ponte en contacto con nosotros y te resolveremos cualquier duda o pregunta.